quarta-feira, junho 23, 2010

Un xeito de pensar, Cen mil saramagos, Xavier Queipo

                
                 Cen mil saramagos, Xavier Queipo
Saramago, é sabido, ademais do apelido do único escritor portugués ao que lle concederon o Premio Nobel de Literatura (logo de esquecer a Eça de Queiros), é tamén o nome común dunha planta salvaxe, desas que medran á beira dos camiños. Como todas as plantas que non teñen unha utilidade culinaria ou estética -o saramago é planta ruín- nace de natural molestosa e pouco apreciada.

Ás veces as opinións do Saramago escritor eran tamén molestosas e incordiantes (que lle pregunten aos veciños portugueses sobre e unión ibérica ou a Igrexa católica sobre as relación entre Xesús e a Magadalena)

Saramago -o escritor- tivo vontade última de ser incinerado. Un xeito, se cadra, de evitar que se establezan peregrinacións ou visitas indesexadas á súa tumba (como sofren Borges, Kafka ou Castelao, por poñer exemplos de tres sistemas diferentes). Hai xente que considera que visitar camposantos e dialogar cos mortos famosos lles vai reportar un extra de sabedoría. Xa saben, hai xentiña para todo.

Eu non entro en decisións tomadas, pois isto da vida é estar e non estar, mais espero que no lugar onde repousen ou se estendan as cinzas de Saramago agromen flores, aínda que non cheguen ás cen mil das que falaba Mao, o seu próximo. Saramagos no acaso, mais tamén patalugas, margaridas, mexacáns, estralotes, abeirotase outras que iluminen o noso camiño con ideas incordiantes e molestosas. Espero que así sexa, pois diferenzas ideolóxicas e estéticas á parte, o que precisamos neste mundo absurdamente homoxéneo, é precisamente de algún que outro Saramago coas súas ideas incordiantes, que faga reaccionar a sociedade, adormecida como está polo binomio produción-consumo, pola laminación ética, polo politicamente correcto. O dito, cen mil flores, cen mil saramagos.  Xavier Queipo, Galicia Hoxe